11/11/17

RELACIÓN DE ACTIVIDADES PREVISTAS PARA ESTE MES DE NOVEMBRO.


No IES MARQUÉS DE SARGADELOS DE SAN CIBRAO

 desenvolveranse varias actividades durante este mes de 

novembro.


1.-Día 22. “ Foto a cegas ”, unha actividade que pretende sensibilizar ao alumnado sobre a necesidade de integrar ás persoas invidentes na nosa sociedade a través da cultura e a arte rompendo barreiras e estereotipos. Un grupo de algo máis de 15 persoas cegas estarán co alumnado na biblioteca do centro para contarlles a súa experiencia de creación e análise da arte a partir de experiencias sensitivas innovadoras.

Titorizados por fotógrafos expertos e persoal da rede museística, compartiron o resultado da súa destreza coa cámara fotográfica como unha chamada a romper con barreiras e estereotipos. O resultado é unha colección de alto contido audiovisual e instantáneas lexibles ao tacto acollida polo Museo Provincial de Lugo.

As dificultades dunha traballadora invidente da Rede Museística da Deputación de Lugo durante a súa adaptación ao posto, Ángeles Miguélez, foi o xerme deste proxecto social que naceu en 2012 e que pretende conseguir que os participantes nesta iniciativa entendan o símil entre o funcionamento dunha cámara fotográfica e o mecanismo propio do cerebro ao captar unha imaxe.

Que a fotografía xorde na cabeza e por iso é posible crear imaxe con significado alén da simple perceptción ocular é, en definitiva, a mensaxe desta orixinal proposta con berce en Lugo. Así nolo explica a comisaria da mostra e xerente da rede museística, Encarnación Lago.

Chegaron a catorce o número de invidentes beneficiarios deste proxecto que aplica técnicas táctiles a través das que, unha experta interpreta as fotografías dos participantes no obradoiro para dotalas de textura e que, outros invidentes  tamén poidan percibilas. Texto, imaxe e son conflúen para darlle vida a un universo de creatividade. A exposición "Fotografía a cegas" pretende eliminar barreiras e conseguir que os museos sexan para todos.

O alumnado do IES MARQUÉS DE SARGADELOS DE SAN CIBRAO. CERVO terá a oportunidade de encontrarse co grupo de persoas invidentes participantes neste proxecto para compartir esta experiencia e intercambiar pareceres e saberes sobre o mesmo. Será o día 22 de novembro entre as 11.30 e 13 h. na biblioteca do centro.

2.-Día 23, de 10.50 a 12.15. Charla sobre educación vial que ten como finalidade fomentar hábitos responsables na condución de bicicletas e ciclomotores, así como coñecer normas básicas do código de circulación. Preténdese tamén evitar o consumo de substancias nocivas para unha boa condución e para a saúde mental. Será na biblioteca do centro e vai dirixida a alumnado de 1º e 2º de ESO.

3.-Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Encontro na biblioteca do centro, o día 23 de novembro entre as 13.40 e 14.30 con Marta Engroba, presidenta da asociación lucense de defensa de mulleres mal tratadas “Hai saída”. Será na biblioteca do centro e ten como finalidade  levar a cabo unha campaña de sensibilización social e educativa sobre esta problemática que afecta á nosa sociedade. Virá acompañada dun axente de policía da comisaría de Viveiro coñecedor desta problemática. Para alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato.

4.-O día 27 de novembro, entre as 12.45 e 13.45, alumnos e alumnas do IES Marqués de Sargadelos interpretarán no auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao a obra de Carlos Casares “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, dirixida aos nenos e nenas do colexio da localidade.


5.-“Semana da froita na ESO”. A partir do día 21 de novembro, nos recreos repartiremos froita entre o alumnado, realizarase cada segundo día durante dez días. Repetirase este reparto no mes de maio. Trátase de fomentar o consumo de froita entre o alumnado; unha iniciativa que se leva a cabo en colaboración co Fondo Galego de Garantía Agraria e a empresa Froitas Morriña.